Volver al sitio
Volver al sitio

Benvida a Communify

Ola!!!

Imaxina que todas as capacidades e potencialidades do teu territorio se achan nun espazo único no que conflúen asociacións e colectivos, empresas, emprendedores, centros de ensino superior, institucións, cidadáns…

Imaxina que todas as persoas e organizacións que ocupan ese espazo partillan valores e intereses fundamentais comúns :

  • a inquedanza por un futuro ateigado de incertezas e de desafíos verbo de, entre outras materias, as alteracións climáticas, a inestabilidade crecente e a precariedade laboral, a deterioración progresiva do estado de benestar, as ameazas ás liberdades e aos dereitos democráticos, a falla de referencias claras para estabelecer se a información que se recibe é certa ou a perda de control dos datos que xeran as nosas interaccións na rede.  
  • a necesidade de afrontar eses desafíos tan relevantes, ben como unha certa frustración por non saber onde comezar a actúar ou por non sentirse acompañado neste esforzo.
  • a confianza na colaboración e no apoio mutuo como ferramentas fundamentais para afrontar o futuro e o recoñecemento de que a competición e o individualismo como valores primordiais no momento actual, non conseguiron resolver de xeito eficaz os problemas da maioría.
  • a sensación de que é preciso actuar urxentemente e de que cómpre un pulo decidido e un novo rumbo que nin a política, nin as as grandes multinacionais, nin os poderes económicos son quen de suscitar.

Imaxina poderes entrar en contacto e efectúar trocos de todo tipo coas persoas e organizacións que ocupan ese espazo e que cada unha desas interaccións contribúe ao benestar da túa contorna inmediata.

Imaxina que ese espazo se torna global e se desenvolve a través da conexión en rede de todos os territorios que participan e que deste xeito se multiplican as túas capacidades de transformación do mundo a través da túa achega persoal, a partir da túa experiencia cotiá.

En Communify comprendemos que non abonda imaxinar e puxémonos mans á obra. Aproveitamos o potencial de relación e conexión que ofrecen as novas tecnoloxías para crear un espazo único de confluencia de todos os intereses e capacidades que se atopan nun territorio e propómonos medrar e engadir progresivamente novos territorios ata nos convertir nun espazo global a partir do que poidamos facer realidade o noso devezo de mudanza.

Ao participares en Communify contribúes a:

Promover unha economía real encamiñada a satisfacer as necesidades de consumo, de lecer ou de cultura das persoas de xeito sostible e responsable, fronte á financeirización da economía actual, dirixida a obter grandes beneficios no periodo de tempo máis breve posible por medio de investimentos en actividades especulativas que non reverten no interés da maioría. En Communify non teñen lugar as actividades inmobiliarias e financeiras especulativas.

Promover unha economía distributiva na que múltiples actores conflúen nun mercado aberto e transparente, fronte ao modelo actual de concentración no que unhas cantas multinacionais reparten a actividade entre si e xeran mercados cativos que eles controlan a través da influencia que exercen sobre as decisións de gobernos e organismos supranacionais. En Communify non teñen lugar as franquías nin as grandes superficies, só os axentes locais.

Promover a relocalización das actividades produtivas e o achegamento da produción ao consumo, fronte á economía globalizada actual na que se compite a través da compresión dos custos, sobre todo dos laborais, na que a produción se realiza en países con pouca ou ningunha protección dos dereitos dos traballadores e na que se recorre a paraísos fiscais ou á enxeñería fiscal para non pagar impostos nos territorios nos que se opera e se obteñen os beneficios. En Communify non teñen lugar as empresas que trasladan a súa produción ou que compiten por medio da redución dos custos e da mingua dos dereitos laborais, nin tampouco as empresas que non pagan os impostos consoante os beneficios que obteñen nos territorios nos que realizan as súas actividades.

Promover unha economía desmercantilizada na que a vivenda, a saúde, a asistencia, a enerxía ou a educación non se convertan en mercadorías que foxen ao control das persoas para someterse á vontade dos mercados.

Promover unha economía circular e rexenerativa baseada no deseño ecoeficiente e dirixida á reutilización e á reciclaxe, fronte á economía actual fundada no ciclo extracción-produción-consumo-uso-refugallo.

Communify integra nun único espazo virtual:

  • A cartografía por eidos temáticos de todos os recursos e axentes que actúan nun territorio.
  • A posibilidade de partillar e efectúar trocos entre todos eses axentes.
  • A capacidade de conexión con outros territorios.

Esperamos que a túa experiencia en Communify sexa prolongada e que poidamos colaborar e apoiármonos para enriquecer as nosas vidas e as dos que herden o noso planeta.

Non dubides en porte en contacto connosco se queres levar Communify ao teu territorio ou á túa cidade, ou se queres colaborar connosco de calquera outro xeito.

Visita o Marketplace

Se che gustou esta publicación e queres continuar a recibir información sobre as nosas actividades, non esquezas subscribirte a este blog inserindo o teu enderezo de correo electrónico no recadro a seguir.

Suscribirse
Anterior
Para qué mapearse en Communify
Siguiente
Bienvenida a Communify
 Volver al sitio
Cancelar
Todos los artículos
×

Ya está casi listo...

Te enviamos un correo. ¡Por favor haz clic en el enlace del correo para confirmar tu suscripción!

Aceptar